30.6.20

CONTO AUDIOVISUAL DE UNICEF: "CONTAXIO"

Déixovos este conto audiovisual de UNICEF que acabo de atopar na rede. Pareceume moi bo, por iso me gustaría que o escoitarades con atención. 
É un conto para fomentar a cultura e a educación infantil nos tempos da COVID-19.
Está promovido por UNICEF onde un amplo elenco de actores e actrices galegas participaron na narración do conto de María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso. Está ilustrado por Leandro Lamas.

Con este conto audiovisual as/os seus autoras/-es fannos viaxar polo dicionario para que vaiamos descubrindo os sentimentos da palabras "contaxio" nestes tempos de pandemia e como se vai relacionando con outras moitas palabras como "medo" ou "inxustiza". 
Anímovos a que vos mergulledes nesta apaixonante viaxe.





19.6.20

POSIBLES LOGOTIPOS PARA O NOSO CLUB DE LECTURA

Como xa está a piques de rematar o curso e non nos deu tempo a consensuar o logotipo para o noso Club de lectura Papel e tinta, déixovos aquí os que me fostes achegando para que os vexades e así, ao comezo do vindeiro curso, que esperamos que non nos traia tanto confinamento, poidamos escollelo.

Se vos apetece, ao longo do verán tamén podedes seguir enviando máis logos. 
Cantos máis teñamos onde escoller, mellor!!



Logo aportado por Joel Míguez. 3º ESO:






Aportado por Cora e Martín de 1º ESO





Este facilitouno a profe Pilar.


2.6.20

ENCONTRO POR VIDEOCONFERENCIA PARA POÑER EN COMÚN A LECTURA DO LIBRO Viaje al país de los blancos de Ousman Umar

Como aínda seguimos sen poder voltar ás aulas de xeito presencial, levamos a cabo un encontro por videoconferencia co alumnado e o profesorado integrante do Club de Lectura Papel e tinta para poñer en común a lectura do libro Viaje al país de los blancos de Ousman Umar. 
Ao finalizar visionamos un vídeo de BBVA Aprendemos juntos onde o autor nos conta o difícil periplo que tivo que vivir ata chegar a España en busca dun futuro mellor.

Salientamos unha frase de Ousman Umar que nos parece moi importante: 
"La educación es el motor de la transformación de cualquier sociedad". 
Ousman Umar
 Deixámosvos algunhas fotografías do evento telemático, así como as opinións expresadas por algúns asistentes.


“Gustoume moito porque o protagonista sofre pero pode saír adiante; tamén é un libro que trata a súa supervivencia e máis a dos seus compañeiros.”

Miguel Fra Baltar





"O libro Viaje al país de los blancos fíxome reflexionar, xa que estamos ante unha historia real contada polo propio home que viviu os feitos. Creo que é un libro que moita xente debería ler, e poñerse no seu lugar."
Enma Buján Rouco


"Este libro gustoume moito porque é un libro de aprendizaxe que todos deberiamos ler."

Cora Buján Rouco



"Estamos ante unha historia real. Unha situación similar viviuna un dos alumnos que tivemos o curso pasado no instituto. Durante a lectura do libro a cara do protagonista foi sempre a do meu alumno. Escrita de maneira moi sinxela é unha historia que me enganchou."
Charo 




“Gustoume como está escrito, é moi realista”. Sara Jul




"Persoalmente este libro encantoume. Pareceume que nos achega a unha realidade, para moitos descoñecida, dunha maneira moi cercana e fácil de comprender."
Karen Ramos







Enlace ao vídeo de Ousman Umar:








 

16.5.20

DIA DAS LETRAS GALEGAS: Ricardo Carvalho Calero

Despois de traballar durante estes días sobre a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero, imos comprobar canto aprendestes do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas, considerado un dos mellores polígrafos galegos do século XX. Ademais, se vos apetece volver realizar o autodefinido e o xogo de acertos sobre Ricardo Carvalho Calero, podedes picar nesas palabras.

Escoitade os vídeos que realizaron os CPI dos Dices da Coruña  e CPI San Pío X de Ourense e respondede  as preguntas que figuran a seguir.

A ver quen acerta máis respostas!!! Moito ánimo!!!


5.5.20

BOOKTUBER por un día

     Dado que moita rapazada segue a diferentes youtubers, propuxémoslles durante o confinamento que se convertesen en booktuber por un día. 
A tarefa tratábase de falar sobre un libro en lingua galega, da súa autora/autor, dos aspectos que máis lle chamaban a atención da súa lectura e a súa opinión persoal, se lle gustara ou non e o motivo, animando os compañeiros/-as a que o lesen e empregando unha linguaxe atractiva, sinxela e, por suposto, dándolle cadaquén o seu estilo.

Houbo resultados moi satisfactorios, deixámosvos algunha mostra.






























27.4.20

CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO. "OS TÍTULOS TAMÉN NARRAN."

Para celebrar o Día Mundial do Libro, propoxémoslle ao alumnado da ESO unha tarefa baixo o título Os títulos tamén narran que consistía en que buscasen diferentes libros, en calquera idioma, que tivesen pola casa, e a partir dos títulos debían de construír unha historia. Posteriormente deberían de gravarse e enviar os vídeos co seu relato.
Os resultados foron francamente moi bos.

Deixámosvos algunha mostra.



 Paula Díaz. 4º ESO

Lorena Meitín. 4º ESO

 Yanira. 3ºESO


 Lucas. 3º ESO


Emilia Barro. 2º ESO


Irene González. 2º ESO


Cristina Paleo. 2º ESO


Adrián González. 2º ESO


Diego Albo. 1º ESO 


Martín Canoura. 1º ESO 


Miguel Fra. 1º ESO 



Eva Louzao. 1º ESO 


Iago De Vicente. 1º ESO 

Dani Salgueiro. 1º ESO 

 Pilar López. A profe




18.3.20

LECTURAS EN LIÑA

Deixámosvos algúns enlaces para poder ler durante todo este período de confinamento. 
Lembrade que un bo xeito de pasar estes días na casa, sen deixar de construír o noso propio mundo cheo de historias interesantes, é LENDO.
Son de acceso libre e gratuíto.






16.3.20

ENCONTRO DO LIBRO Viaje al país de los blancos de Ousman Umar. APRAZADO.

Despois da suspensión das aulas presenciais por parte do goberno debido á situación da COVID-19, aprázase ata novo aviso, o encontro que tiñamos previsto o vindeiro día 27 de marzo para comentar a lectura do libro de Ousman Umar, Viaje al país de los blancos.
Recomendámosvos que sigades lendo durante todos estes días de confinamento. Axudaranos a pasar o tempo dun xeito máis livián.
Moito ánimo!!


3.3.20

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Como non podía ser doutro xeito, o alumnado do IES ILLA DE SARÓN celebrou o Día de Rosalía coa lectura pública de Cantares Gallegos  na entrada do propio instituto decorada con anterioridade con obxectos e libros da autora galega do Rexurdimento. Esta actividade realizouse en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística e o de Biblioteca.

Deixámosvos algunha fotografía que dá conta de distintos momentos da lectura en homenaxe a Rosalía de Castro.





















OBRADOIRO LITERARIO DE ESCRITA CON PEDRO RAMOS

O día 28 de febreiro na Sala de Audiovisuais todo o alumnado da ESO tivo ocasión de asistir a un obradoiro literario de escrita con Pedro Ramos. Deulles unhas nocións básicas e a continuación puxéronas en práctica.





 



20.2.20

LECTURA DA VINDEIRA REUNIÓN: Viaje al país de los blancos.

Tal como acordamos na reunión do Club leremos o libro de Ousman Umar, Viaje al país de los blancos, para poñelo en común o vindeiro 27 de marzo de 2020. Trata dunha historia real vivida polo propio autor e as dificultades que tivo que pasar atravesando o Sahara ata chegar a España en busca dun futuro mellor.
Agardamos que gocedes con esta dura e extraordinaria historia.


19.2.20

XUNTANZA DO LIBRO MAMÁ, QUERO SER ZIGGY STARDUST de IRIA MISA

A posta en común do libro de Iria Misa, Mamá quero ser Ziggy Stardustpor parte do profesorado e o alumnado da ESO que participou foi francamente enriquecedora e a valoración da súa lectura foi moi positiva. Acordamos ler para a vindeira xuntanza o libro de Ousmar Umar, Viaje al país de los blancos.

Deixámosvos algunha fotografía do acto e opinión das/dos asistentes.

"Chamoume bastante a atención xa que ensinaba a aceptación e normalización do colectivo transexual. Moi bo libro."
Enma Buján Rouco.



"Esta novela gustoume moito polo feito de romper os temas tabús e ensinarlles aos nenos e nenas a aceptar aos demais, cada un pode ser como queira".
Miguel Fra Baltar.

 
 

"De momento é o que máis me gustou de todos os que lemos neste curso porque aprendin moito con el e porque a forma na que contan a historia tamén me gustou."
Cora Buján Rouco.
 

"Foi o libro que máis me gustou xa que me parece que trata temas moi actuais , e aínda por riba é entretido. Paréceme que normaliza moito situacións que xa deberían de estar normalizadas, pero, por desgraza, non o están."  
Eva Louzao Casas.


"Aínda que é libro pensado para un público xuvenil, a historia da protagonista tívome cautiva desde o primeiro momento. As reaccións dos amigos e da familia son tan diversos que é imposible non poñerte en situación.Como reaccionaría se tivese un fillo/a vivindo esa situación?"
Charo Canoura.


 "Paréceme un libro máis recomendable para alumnos máis novos. A min resultoume algo infantil, pero, pensando neles, si que é altamente recomendable, xa que trata un tema que, ás veces  é invisibilizado na nosa sociedade, e invita a que o vexamos de xeito normal. Non é que me tivese enganchada pero, repito, moi recomendable para alumnos de 1º de ESO pola temática tratada."
Sara Nóvoa.

“Encantoume por todo: temática, ilustracións, narrativa…” 
Sara Jul
 

23.12.19

XUNTANZA CLUB DE LECTURA MAMÁ, QUERO SER ZIGGY STARDUST

Tal como quedou acordado na última reunión polos compoñentes do Club de lectura Papel e tinta, iremos lendo o libro de Iria Misa, Mamá quero ser Ziggy Stardust, para poñelo en común o vindeiro 13 de febreiro.
Moito ánimo e agardamos que gocedes con esta fantástica historia!





20.12.19

Encontro dos libros La dentista demonio e Estudio en escarlata

Onte, 19 de decembro, o alumnado de 1º e 2º ESO puxo en común a lectura do libro La dentista demonio. Para o vindeiro encontro leremos Mamá, quero ser Ziggy Stardust de Iria Misa.
Deixámosvos algunha fotografía e opinións do alumnado de 1º e 2º e a profe Pilar que están fotografando o momento. Xa vedes que nos nosos encontros temos unhas pequenas larpeiradas para saborear a lectura.



"A min o libro da dentista demonio sinceramente gustoume moito, porque é do tipo de libros que me gustan." Cora Buján Rouco. 


"La dentista demonio gustoume bastante xa que é moi entretido, divertido, e enténdese perfectamente, a escrita é moi clara." Eva Louzao Casas. 


"Esta historia, narrada por David Walliams, encantoume pola imaxinación que empregou ao narrala, é moi orixinal e foi por iso polo que me gustou tanto." Miguel Fra Baltar. 

 





"La dentista demonio gustoume moito, porque me pareceu un libro co que se poden botar unhas risas, mentres gozas da lectura, ademais era moi fácil de ler xa que utilizaba unha linguaxe sinxela". Enma Buján Rouco.

“A lectura pareceume entretida, pero considero que a temática está tratada dun xeito pouco apropiada, xa que os/as nenos/-as e adolescentes acostuman a terlle medo ir á consulta da dentista e tal como se presenta esta profesional, pode provocar aínda un temor maior”. A profe e directora Sara Jul




Tamén vos deixamos unha fotografía do encontro de dúas alumnas de 4º ESO e as profes de Historia, Sara Nóvoa, e a Xefa de Estudos, Dulce, no que falaron do libro Estudio en escarlata. Charo, a moderadora, está inmortalizando o momento.




"Eu, persoalmente, nunca lera ningún libro de Arthur Conan Doyle ata que lin Estudio en Escarlata, polo que non lera ningunha novela de Sherlock Holmes. Pareceume un libro moi interesante, que me fixo aumentar a miña curiosidade polos libros de misterio. Ademais, que fose o primeiro da colección serviume para poder coñecer mellor aos protagonistas do libro". Paula Díaz. 
 
"Estudio en escarlata: Foi un libro co que disfrutei, non só pola historia de misterio que me tivo intrigada ata o final ,senón tamén polo tipo de redacción,moi elegante e  coidada e con descricións moi concisas." A profe Charo Canoura.
 
 "Estudio en Scarlata: a verdade é que nunca lera nada deste autor e gustoume moito. Tívome moi entretida, engancha. Os  dous personaxes principais son moi interesantes e compleméntanse á perfección. Sen dúbida, moi recomendable para os nosos alumnos." A profe Sara Nóvoa.

CONTO AUDIOVISUAL DE UNICEF: "CONTAXIO"

Déixovos este conto audiovisual de UNICEF que acabo de atopar na rede. Pareceume moi bo, por iso me gustaría que o escoitarades con atención...